Parroquia: Martín, San Cristovo de

149 habitantes agrupados nas entidades de Bustelo, Casbeiro, Couso, Lamela, Lomba, Martín, Outeiro, Piñeiro, A Raíña, Reboredo e Regulfe. A primeira referencia a esta parroquia témola no ano 1238, no que Miguel Yáñez Cerdeira e a súa muller, venden ó abade do Mosteiro de Meira a herdade que teñen na vila de Martín. A igrexa parroquial data do s.XVII.Trátase dun edificio de tres naves, separadas por arcos de medio punto, con muros de mampostería de pizarra e cuberta a dúas augas. A capela maior, diferenciada das naves en alzado e planta ten cuberta a catro augas, estando adosada a sancristía polo seu costado sur. A igrexa ardeu na Guerra Civil, desaparecendo os retablos e imaxes orixinais. A Capela de Santa Lucía representa outro dos bens culturais existentes nesta parroquia. De planta rectangular, con muros de mampostería en pizarra, a entrada está precedida por un pórtico, soportado pola prolongación dos muros laterais.No lugar de Couso atopamos a Capela do mesmo nome, nun bo estado de conservación.Na arquitectura civil destaca a Casa do Pacio. Desta casa teñen as súas orixes os Somoza(Somoza Maior de Lemos).A estrutura orixinal está moi alterada, conservando nas súas paredes tres escudos, un, cuarteado en cruz, co brazo empuñando a maza, un león rampante, tres lises e seis dados punteados(armas dos Somozas); outro, de peor factura, leva catro lises, seis dados, a maza e unha cruz, e no terceiro, de características semellantes o anterior aprécianse unicamente tres lises.A casa conta tamén cun pombal de planta circular.Outros exemplos de arquitectura civil son a Casa Grande de Lamela, a Casa Grande do Couso,e podemos atopar tamén nesta parroquia antigos muíños, coma o da Carballeira e o muíño do Gómez.

As festas son na primeira semana de agosto.

 

emprende en 3